E se en vez de aprender sobre a arte tentamos experimentala? ZAPABURU é un proxecto creativo e sensorial destinado á primeira infancia que busca a conexión emocional e a diversión a través da experiencia artística. Nesta instalación, a arte tócase, úlese, escóitase ou camíñase. ZAPABURU aposta por crear un universo no que os nenos e nenas poidan implicarse activamente no goce da arte. A súa finalidade é promover a creatividade e ofrecer unha experiencia divertida en familia este outono na Cidade da Cultura.
ZAPABURU é un proxecto de Gheada, un estudio de arte afincado en Bilbao especializado en entretemento inmersivo, artes visuais e creación de contidos orixinais. A instalación, deseñada por Raisa Álava e Ruth Juan, puido visitarse anteriormente no Museo de Reproduccións de Bilbao, ao que acudiron milleiros de persoas con case o 100% das reservas cubertas. Este outono, viaxará por primeira vez a Galicia, convertendo ao Museo Centro Gaiás nun espazo no que a cativada está ao mando, xa que involucrar aos nenos e nenas na creación artística é chave para que as novas xeracións se convirtan en consumidoras de cultura.
O conxunto da proposta divídese nunha área para nenos e nenas de 0 a 3 anos e noutra para a cativada de entre 3 e 6. A primeira, deseñada por Ruth Juan e dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, está chea de animais nos que a cativada poderá introducirse, deitarse, e inclusive usar de andadores. Conta, por exemplo, cunha escultura blandiña con forma de serpe sobre a que gatear, un móbil cinético feito de animais ou unha serie de pezas téxtiles sobre as que se poden recostar. A segunda instalación é obra de Raisa Álava e está dirixida á rapazada de entre 3 e 6 anos cunha estrutura modular acorde ás súas necesidades de movemento. Está composta por unha fachada magnética elaborada con imáns e que actúa de lenzo para que a rapazada a decore ao seu xeito. Ao introducirse nela, encontrarán unha cabana con xogos ópticos e ilustracións da artista.