Fonte texto e fotografías: Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Chega este outono unha nova edición do ciclo Ópticas Contemporáneas, composta por tres concertos singulares nos que a música contemporánea tende pontes culturais entre o País Vasco e Galicia, axuda a entender co corpo cuestións fundamentais da antropoloxía actual, e permite escoitar clásicos como as catro estacións de Vivaldi nun formato minimalista e distendido, afastado do convencional.
Ópticas contemporáneas inicia o 15 de setembro coa actuación do Ensemble Música Práctica con Abraham Cupeiro como convidado especial no Museo Centro Gaiás. Un concerto no que o multinstrumentista e luthier galego, coñecido polo seu traballo de recuperación de instrumentos antigos para crear novas sonoridades, interpretará dentro do programa a obra Constelación de Sagitario, peza en estrea do consagrado compositor compostelán Fernando Buide. A composición é un encargo da Fundación Cidade da Cultura en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián a través dos seus programas de apoio á creación artística.
En outubro, o venres 18, será a quenda de Mudar a pel, un traballo de investigación e experimentación artística que combina música e escena para representar aspectos que afectan á sociedade nos nosos días, como as violencias, a degradación ambiental, a perda de dereitos fundamentais, etc. A obra conecta antropoloxía, paisaxes sonoras, arte e literatura para que o corpo sinta unha experiencia psicolóxico-emocional. O proxecto naceu ao abeiro do programa de Residencias artísticas do Gaiás en colaboración co Incipit-CSIC e foi desenvolvido pola investigadora Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro Llorián García, e o historiador e artista sonoro Andrés Rodrigues, baixo a coordinación do investigador do Incipit-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros.
O ciclo conclúe o sábado 16 de novembro coa Real Filharmonía de Galicia e a súa interpretación de The Four Seasons Recomposed, baixo a dirección de Baldur Brönnimann. A peza, creada por Max Richter e estrenada en 2012, revisa, desde unha aproximación minimalista, o clásico As catro estacións de Vivaldi. Richter está considerado hoxe en día como un dos compositores máis influentes para toda a xeración máis nova de músicos pola súa fusión de música clásica con electrónica, que levou a numerosas bandas sonoras de cine e televisión nos últimos anos (Arrival, Ad Astra, The Leftovers, Black Mirror, entre outras moitas).